| Exposicións e actividades |
||||||
|
||||||
| MAL DE CORPO | ||
| De Fran Herbello | ||
|
Lugar: Casa da Xuventude de Ourense |
||
|
Data: 28 de Outubro ao 15 de novembro |
||
Vivo entre o rural e o urbano e nesta oscilación vexo como os corpos obxectualizados dos valados publicitarios, inertes, que venden unha eternidade terreal, herdan a concepción relixiosa na que o corpo é castigado para acadar a eternidade que lle é propia á alma. Disque a esperanza de eternidade é un dos medios para tratar o desacougo que produce ser conscientes de que morremos, de enfrontar o medo á morte, e aínda que no medio urbano semella non existir, o certo é que se agocha censurado detrás do actual culto ao corpo. Eu tamén a temo, pero ao igual que os meus avós, tomo da cultura popular a súa estratexia para combater a ansiedade que produce o descoñecido, perdéndolle o respecto ao facela cotiá, convivindo con ela e, ás veces, ridiculizándoa. Mostra organizada polo Centro de Estudos Fotográficos de Vigo, producida pola Concellería de Cultura do Concello de Santiago de Compostela e exposta na Fundación Torrente Ballester de Santiago de Compostela. |
||
| DIVERSIDADE NA COR | ||
| De Antonia-María López Rodríguez ‘Toti’ | ||
|
Lugar: Casa da Cultura de Barbadás (A Valenzá) |
||
|
Data: 20 de outubro ao 25 de novembro |
||
Os conos da retina dos fotógrafos e fotógrafas captan a diversidade da cor que para outros ollos pasa desapercibida. Esta variedade de luces, sombras, gamas e matices das cores pódese ver nesta exposición a través de escenas de mar, solpores, paisaxe e natureza galegos, vascos e casteláns, mámoas, festas e tradicións, así como imaxes dalgunha viaxe. |
||
| GIGANTES | ||
| De Nicanor García | ||
|
Lugar: Librería Eixo de Ourense |
||
|
Data: 28 outubro ao 30 de novembro |
||
Con respecto a outros motivos, fotografar un rañaceos presenta algunhas particularidades. A súa grande altura orixina que sexa difícil abarcalo completo e, por tanto, obriga a estabelecer algunhas estratexias que permitan describilo e entendelo: fotografar o rañaceos desde o contorno urbano, a vista en perspectiva inferior ou insistir nalgún detalle do edificio son abstraccións que posibilitan unha análise máis reflexiva e profunda deste «xigante». A partir destas premisas descóbrese a calidade dos materiais, a proporción e as propiedades dos espazos, as transparencias, as relacións de posición e escala entre os elementos..., e é posíbel contar con todo isto para seleccionar e encadrar unha imaxe que resuma o observado e aprendido. As fotografías expostas son de edificios de Skidmore, Owings & Merrill e Mies van der Rohe, en Chicago e Nova York. Achega de Aula K da Coruña. |
||
| IMAXES E TEXTOS | ||
| De Manuel Penín | ||
|
Lugar: Galería Visol de Ourense |
||
|
Data: 1 ao 10 de novembro |
||
Vinte fotografías e dez textos sobre fotografía. O primeiro deles: «¿Vive Ansel Adams? Vostede non pinta, pero sabe que Picasso morreu (e podería, ademais, recoñecer con facilidade moitas das súas obras). Vostede non escribe, pero sabe que Borges xa non vive (e seguramente marabillouno ler O Aleph). Vostede non esculpe, pero sabe que Rodin faleceu hai tempo (e o relaciona inmediatamente co Pensador). Vostede non compón, pero sabe que Lennon está morto (e cando soa Imagine, asubíaa con soltura). Vostede non constrúe, pero sabe que Lloyd Wright pasou a mellor vida (e cando ve fotografías da “Casa da cascada” identifícaa inmediatamente como súa). Vostede si fotografa. Faino desde que é un neno. Faino con certa soltura e gústalle. Os seus amigos fan frecuentemente loubanzas das súas fotos e vostede séntese lexitimamente orgulloso diso. Pero Ansel Adams non lle soa demasiado. Relaciónao vostede vagamente coa fotografía, pero non lembra con claridade ningunha das súas imaxes. A saber si estará morto. O descoñecemento que temos sobre unha actividade que practicamos coa frecuencia da fotografía é sorprendente. A intención dos textos desta exposición é transmitir brevemente algunhas –non moitas– cuestións sobre a súa técnica e a súa historia. Que vostede o pase ben». |
||
| BADÍAS: CABOVERDIANAS NA MARIÑA | ||
| De Luzia Oca González | ||
|
Lugar: Museo Etnolóxico de Ribadavia |
||
|
Data: Até o 20 de novembro |
||
Exposición de Antropoloxía Visual que consta de fotografías, vídeos, textos e obxectos. Esta mostra tenta presentar dous mundos a modo de espello: Cabo Verde e Galicia, dúas caras dunha mesma realidade, entre as que existen potentes vínculos; orixe e destino das mulleres badías que fan parte desta corrente migratoria, as protagonistas deste ollar. Con ela quero achegar unha ponte, que considero necesaria, no camiño da comprensión dos problemas, beneficios e retos da convivencia, que non simple coexistencia, entre persoas de diferentes culturas. O material que se pode contemplar e escoitar é froito do traballo de campo realizado durante catro estadías na Illa de Santiago (2000-01-02-05), e na Mariña Luguesa, desde xullo de 1998 até hoxe. |
||
|
||||||